Thursday 18 de April de 2024

A Xunta executa traballos de limpeza nos treitos interurbanos do río Condomiñas e do Rego das Pontigas ao seu paso polo concello de Cedeira


― Estes traballos desenvólvense ao longo de máis de 2 quilómetros

― As tarefas inclúen a retirada de árbores, biomasa e pólas caídas na canle, ademais de roza selectiva en tramos con maleza no acceso ao río

― As actuacións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito Galicia-norte

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está executando actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do rego das Pontigas e do río Condomiñas, no concello de Cedeira.

Os traballos execútanse en distintos tramos dos ríos, ao longo de máis de 2 quilómetros de lonxitude, coincidindo co seu percorrido polos lugares das Pontigas e da Acea.

As tarefas consisten na retirada de árbores, biomasa e pólas caídas na canle para evitar atoamentos. Tamén se realizarán tarefas de roza selectiva en tramos con maleza no acceso aos ríos.

O obxectivo é posibilitar a circulación fluída das augas ao quedar, tanto o río coma o rego, despexados de maleza.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de conservación fluvial no dominio público hidráulico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-norte e nas súas zonas de acceso e protección.

O departamento que preside Ethel Vázquez continúa a realizar intervencións para a mellora dos leitos fluviais co obxectivo de acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.